Saturday 18 de May de 2024

Participación do IES Nº1 de Ordes no II Congreso de Innovación na Formación Profesional



Terá lugar dende mañá mércores e ata o vindeiro venres na Cidade da Cultura. Exhibirase o proxecto Fabricación dunha maqueta didáctica dun motor HDi de Citroën, dotado cun premio FP Innova o pasado ano

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza o II Congreso de Innovación na Formación Profesional, que terá lugar os días 10, 11 e 12 de maio na Cidade da Cultura de Galicia.

O I.E.S Nº1 de Ordes participará no II Congreso de Innovación na Formación Profesional. Durante os días 10, 11 e 12 deste mes exporá na Cidade da Cultura o seu proxecto Fabricación dunha maqueta didáctica dun motor HDi de Citroën, dotado cun premio FP Innova o pasado ano. O proxecto contou coa colaboración de Motorcar Ordes S.L. E Desguaces Rutabella S.L.

O congreso contará cunha zona expositiva na que se amosarán proxectos de innovación tecnolóxica e didáctica desenvolvidos por centros galegos de FP, e outros resultantes do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, eduemprende. En total poñeranse en valor un total de 40 proxectos de innovación, nos que participaron 23 centros educativos e colaboraron 30 empresas.

O acceso a este espazo ten carácter gratuíto para o público en xeral. Aqueles centros que desexen organizar unha visita para o alumnado deberán cubrir unha solicitude de inscrición a través da páxina http://www.edu.xunta.es/fp/congreso-fp-innova.
Os obxectivos do congreso son:
• Facer partícipe á comunidade educativa e á sociedade da potencialidade dos centros de formación profesional cara á innovación tecnolóxica, didáctica e no eido do emprendemento.
• Difundir a actividade innovadora xerada polo profesorado e o alumnado de formación profesional e que pasan por proxectos en colaboración con empresas, a FP Dual, a Rede de Centros Integrados de FP e as crecentes colaboracións co sector produtivo.
• Incentivar a relación coa pequena e a mediana empresa dos centros e das redes de centros de formación profesional
• Afianzar a colaboración entre os centros e os sectores produtivos correspondentes, que redunde nunha mellora da cualificación e da empregabilidade.